Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Comunicando o patrimonio cultural

6 de junio de 2025

O director de UNED Ourense publica un artigo que recolle dun xeito académico e a nivel internacional tres experiencias de comunicación e interpretación de bens culturais na cidade na cidade e provincia, desenvolvidas desde o ano 2004 ata o 2018.

OURENSE, 6 de xuño de 2025. O director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz,  publica o artigo Comunicando e interpretando o patrimonio cultural. Coñecer e gozar, , no libro Innovative Approaches to Learning: Global Advances in Sustainable, Inclusive, and Creative Education, editado por Star Scholars Press, cuxos editores son: Creo, E. de P. C., Soliño, A. Q., Samy Gamaleldin, S., Gaulee, U., Bista e K., & Zhang, B. Neste traballo García Díaz aborda tres experiencias levadas a cabo na provincia ourensá desde o ano 2004 ata o 2018. Esas iniciativas consistiron en mostrar patrimonio cultural a miles de visitantes coas técnicas da interpretación patrimonial, engadíndolle, ademáis, a comunicación. 

Sinala o seu autor que devandito artigo vén ser como o broche de ouro ás accións emprendidas que o motivaron. "Podo considerarme un privilexiado por facer sempre, ao longo destes 35 anos de carreira profesional ata hoxe mesmo, o que me gusta. E un apartado desa traxectoria profesional pasa polo feito de guiar a persoas en tres lugares distintos: na catedral de Ourense, nas 13 visitas distintas que se fixeron semanalmente no municipio de Boborás e, por último, na exposición internacional In Tempore Sueborum, en Ourense", sinala García. 

A primeira etapa, as visitas ao principal templo ourensán, consistían en facelas principalmente en sábado, de mañá, comezando ás 10:00 horas e rematando na maioría das vinte visitas que fixo, ás 13:30h. "Pasaron máis de mil persoas de toda Galicia. Foi unha experiencia única en Ourense, que fixo que moitos cidadáns marcharan cunha idea máis clara do que este monumento significa como tal e na historia da cidade. Foi unha experiencia novidosa e, certamente, chamativa".

Unha escena de mostra do rico patrimonio de Boborás, explicando e interpretando a sede da Encomenda que houbo en Pazos de Arenteiro.

En Boborás pasou outro milleiro de persoas, especialmente de Andalucía, Madrid, Levante, Cataluña e dalgúns países europeos. "Foron seis meses de goce polos principais fitos monumentais e naturais deste Concello. De todos eses percorridos tiveron especial éxito os que incluían as igrexas románicas, entre eles o que se centraba en Moldes e, por suposto, o máis espectacular por historia e contido era Pazos de Arenteiro. Aquelas visitas duraban máis dunha hora e media e eran gozadas por todos. Mesmo polos veciños, que se alegraban da vida no pobo cada vez que os venres, sábados e domingos chegaba a quenda de visitantes", di o director de UNED Ourense. Todo iso, combinado cos establecementos hostaleiros locais e a apreciación veciñal, "que viron que era unha acción rigorosa, seria, que a interpretación patrimonial é unha ferramenta para dar vida aos pobos, xa que ten non poucas posibilidades".

Exposición internacional

A terceira iniciativa foi unha exposición única en Europa: In tempore sueborum. "Aquilo constituíu algo único que se viviu en Ourense. Tras a experiencia en Boborás, confióuseme levar a comunicación deste evento e coordinar e facer as visitas guiadas. Dado o volume de xente, foi necesario contar con outros dous guías: o hoxe doutor Víctor Rodríguez Muñiz, e Tatiana Feijoo, esta última, para os escolares. Os grupos chegaron a ser inmensos, de ata 100 persoas. O esforzo foi grande para mostrar e contextualizar aquela riqueza de pezas arqueolóxicas de máis de 35 museos de ambos os lados do Atlántico. Foron guiados máis de 4.000 cidadáns de todas as partes do mundo, desde China ata Estados Unidos. Por alí pasaron cidadáns de toda condición, incluídos moitos académicos de varias universidades, todas as autoridades culturais de Galicia e directores de museos arqueolóxicos de distintas cidades españolas", sinala Jesús Manuel García. 

As explicacións na exposición internacional "In Tempore Sueborum" foron seguidas por miles de persoas ao longo do medio ano que durou a iniciativa cultural na Deputación de Ourense.

Todas estas visitas das tres experiencias deron uns resultados e iso é o que se reflicte no artigo, froito da exposición deste traballo no congreso STAR SCHOLARS UNESCO 2023, celebrado en Vigo en setembro de 2023, do que agora se publica unha monografía. "Para min, o ter en conta eses resultados, e expoñelos no mundo académico, vén ser como o peche dun tempo no que fixen algo que non só me divertiu a min senón a miles de persoas, aprendendo todos de todos", sinala o doutor García Díaz.

O autor do artigo ten tamén formación en Interpretación do Patrimonio cun posgraduado universitario, e conta, igualmente no seu haber con acreditación como guía oficial da Xunta de Galicia tras superar o exame correspondente. Considera que esa bagaxe permitiulle gozar durante un tempo e, como sinala, "que mellor que culminalo deste xeito, cun artigo de repercusión internacional. Un magnífico colofón". 

Na catedral ourensá, García Díaz Díaz fixo máis de vinte visitas para toda Galicia, unha delas a da imaxe, dentro do "Olladas na rúa", do Colexio de Arquitectos, dedicada a Praza de San Martiño.

En definitiva, ese traballo levado a cabo por Jesús Manuel García, anos atrás, deu froito ao provocar unha boa imaxe de Ourense nos visitantes forasteiros. "Modestamente, apliquei un modelo de educación informal baseado en tres experiencias que serven como exemplo, é dicir, que veñen demostrar que, con boa comunicación e co uso das técnicas da interpretación do patrimonio cultural, pódese incidir na educación patrimonial de modo que xurdan iniciativas que promovan o desenvolvemento da zona onde se sitúa o monumento. Por suposto, hai campo para seguir abonando e dinamizando ese territorio. Ten que ser un traballo profesional, con coñecementos tanto de comunicación como de patrimonio, historia etc., adornado con paixón e emoción para que o que contas peza como un revulsivo no receptor. Así se pode dinamizar un territorio. Hai que provocar, emocionar ao visitante e ofrecerlle datos rigorosos. Non falamos dunha entelequia. É posible axudar a revivir o noso rural cunha acertada acción de turismo cultural seria”, engade o director de UNED Ourense.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es