Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"O fundamental é que sexades persoas cheas de ilusión, alegres, con ganas de comervos o mundo, pero formándovos"

30 de marzo de 2023

Os estudantes de segundo de Bachalerato dos dous institutos de O Carballiño escoitaros os consellos que lles deu o director de UNED Ourense na súa visita á vila.

OURENSE, 30 de marzo de 2023. Máis dun cento de estudantes de segundo de Bacharelato dos IES Chamoso Lamas e Nº 1 da vila do Carballiño acudiron esta mañá á cita coa UNED a través das dúas charlas que lles deu o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, nesta rolda que a nosa universidade está a realizar por varios institutos da provincia. A primeira cita foi ás 10:20 horas no Chamoso Lamas. Alí o relator foi recibido polo director do centro, Juan Aurelio Rodríguez Rodríguez e pola videdirectora María José Rodriguez Feijoo. A seguinte cita foi no IES Nº 1 unha hora despois e alí García Díaz foi recibido pola súa directora, Almudena Mosquera Fernández e pola videdirectora Ana Lousado Duro

Todos os estudantes viron un vídeo institucional sobre que é a UNED, para teren unha primeira impresión máis completa da universidade pública máis grande de España en estudantes. A partir de aí comezou a exposición do director ourensán. Á parte de describirlles a estrutura da nosa universidade e como hai que estudar nela, Jesús Manuel García fíxolles fincapé nos valores que deben adornar a todo universitario. "Ide mentalizándovos que nuns meses ides ter que ler moito, bastante. E ides ter que escribir ben, sen faltas de ortografía. Non esquezades que estades cun pé na universidade. Non é de recibo que haxa estudantes en carreiras universitarias que non saiban escribir. Non é aceptable en xente como vós, que tedes detrás un percorrido escolar de varios anos. Tede moito coidado con isto". Faloulles de que teñen que autoorganizarse moi ben e ser conscientes da responsabilidade que van ter como universitarios: "Non vos van a poñer falta por non ir a clase, ou na UNED por non ir ás titorías, pero iso non implica que teñades que pasar de todo e deixar as cousas para os últimos días, por exemplo. Así non iremos ben e nunha universidade como a nosa, menos. Debedes adquirir a responsabilidade de estudar todos os días, elixindo os horarios que mellor vos conveñan. A constancia diaria faravos afrontar con comodidade todo o temario de cada materia".

No IES Nº 1 do Carballiño os aspirantes para entrar na universidade viron unha proxección sobre a UNED.

 

Tamén lles falou de ser tolerantes, de non desprezar ao outro por calquera diferenza que teña. E que non sexan autoritarios, que só valla o que eles fan. "Na UNED non ides estar sós e estudaredes nunha universidade que aos seus 50 anos é unha universidade do século XXI cun gran futuro. Unha universidade prestixiosa cun alto grao de esixencia. Ideal para formarche ben! Porque iso é o que pretendemos cando queremos prepararnos para ser bos profesionais despois. E que non suceda o caso de egresados que chegan a empresas para facer prácticas e parecen estar nas pavías, por teren unha formación menos esixente, como din algúns empresarios".

E no IES Chamoso Lamas as palabras do director de UNED Ourense non pasaron desapercibidas por todos os mozos que o escoitaron.

Jesús Manuel García lembroulles a todos que na UNED non hai notas de corte. Que basta aprobar a ABAU para acceder a estudos superiores, 30 graos, connosco. E da mesma maneira todos escoitaron que serán eles quen se poñan dalgunha maneira a nota ou listón, en función do seu esforzo intelectual. "Se facedes unha carreira, quen sabe se despois podedes saltar a ampliar estudos no propio país ou noutro de calquera continente. Sede o mellor de vós. E despois disto que vos digo, o fundamental é que sexades persoas cheas de ilusión, alegres, con ganas de comervos o mundo, pero formándovos. E aínda que aquí non están hoxe os vosos compañeiros de FP, isto que vos digo a vós vale pare eles, porque agora desde a FP pódese acceder tamén á Universidade". Incluso o relator aludiu a que é posible que poida haber algúns estudantes que non desexen cursar estudos superiores. E polo menos uno así o manifestou: "A vosa decisión é moi digna, pero unha cousa si vos recomendo e é que, por favor, fagades a ABAU, que unha vez aprobada non vos vai a caducar e sempre a teredes para acceder á Universidade. Sede conscientes de que a vida pode dar moitas voltas. Agora algún de vós pode ir traballar nun negocio, familiar ou de quen sexa, e cando pase un tempo, é posible que queiras estudar algunha carreira de corte económico empresarial para levar mellor ou para innovar nese negocio. Nunca se sabe! E a todos vós o que a maiores recoméndovos é que desde xa non vos permitades perder o tempo. Ides ir madurando e iredes vendo as cousas doutro xeito, como nos pasou a todos. Sede vós mesmos, esforzádevos en ser a mellor versión de cada un de vós, cidadáns con criterio, formados, e non cataventos que mova calquera vento do noso tempo". E sobre todo sede felices, persoas sas, cada unha co seu don especial que vos fai diferentes, únicos. Non vos esforcedes en ser pezas de serie, unha máis da chea. Poñédevos en acción e destacade". 

Os estudantes escoitaron ao director de UNED Ourense con atención, porque lles fala con paixón de cousas e situacións que coñece ben por experiencia propia e parece haber unha excelente conexión. "Deséxovos un bo fin de Bacharelato, unha magnífica ABAU e moito ánimo e sorte, aínda que esta é tan só unha palabra, pois debaixo dela debe haber moito traballo propio, esforzo, porque ninguén vos vai regalar nada. E estou seguro de que poderedes triunfar". Cun aplauso terminaron as dúas sesións, e todos os estudantes foron convidados a visitar as instalacións de UNED Ourense cando o desexen. "Soamente tedes que chamarnos, e con gusto mostrareivos o noso centro asociado", díxolles.

 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es