Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Lingua de signos coa UNED en Xinzo

7 de marzo de 2023

As 17 prazas ofertadas volvéronse cubrir con rapidez para iniciar as clases hoxe, coa docente Laura Vila, que se desenvolverán ata o 30 de abril con sesións de 17:30 a 20:00 horas.

OURENSE, 7 de marzo de 2023. En Xinzo de Limia inaugurouse esta tarde unha nova edición do Curso de Lingua de Signos Española, nivel II, organizado por UNED Ourense. As clases celébranse no salón de plenos da Consistorial da capital limiana. Ao acto inaugural acudiron a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama Fernández e o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. Lama Fernández agradeceu á UNED a achega desta actividade na vila, mostrándose encantada de que se celebre de novo o curso e agradeceu a asistencia dos 15 matriculados, mulleres na súa maioría, todos pertencentes a diversos municipios tanto da comarca da Limia como doutras limítrofes. Esta edición é para seguir avanzando no que xa aprenderon na convocatoria anterior. 

 Laura Vila, Jesús Manuel García e Elvira Lama, durante a inauguración do curso no salón de sesións do Concello de Xinzo de Limia.

García Díaz dixo que para el é unha satisfacción que "este curso de lingua de signos chegue á súa cuarta edición e dígoo especialmente porque é un proxecto que quixen poñer en marcha fai agora catro anos e mantense, con boa aceptación, a proba aquí védela, que se cubriron unha vez máis as prazas. En todo acto público estamos a ver que nalgúns lugares persoas vestidas de escuro que traducen o que se di no escenario ou na tribuna, ás persoas xordas que non poden seguir ese acto se non é con axuda das intérpretes da lingua de signos. A UNED é unha Universidade inclusiva, e este curso que facemos con tanta ilusión é un servizo que damos á sociedade ourensá. Para romper barreiras e achegar a comunicación eficaz a esas persoas que non oen".

 O Concello de Xinzo celebra a iniciativa de UNED Ourense para desenvolver esta actividade de interese social na vila.

Neste curso hai unha persoa que o segue con especial interese debido a que sabe que a súa saúde, nuns anos, vai privar de oír ben, e por iso mellor adiantarse para coñecer a lingua de signos. "Estamos en Xinzo de Limia por segunda vez con este curso que previamente se celebraba no noso Centro de Ourense. A UNED debe estar integrada na sociedade á que serve, no noso caso concreto, á sociedade da provincia de Ourense. Deséxovos que estas clases sexan de proveito, así que divertídevos aprendendo", díxolles o director de UNED Ourense. As clases impárteas Laura Vila Fernández. Este curso desenvolverase con sesións de 17:30 a 20:00 horas os días 8, 9, 14, 15, 16, 21 22 de marzo y 10, 11, 12 y 13 de abril.

UNED Ourense

Comunicación

Fotos: Luis Gulín

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es