Mapa web
Youtube
Campus UNED

Solemne acto de apertura do curso en UNED Ourense 

22 de noviembre de 2022

O luns día 28 o vicerreitor adxunto de Centros Asociados da UNED presidirá no Marcos Valcárcel un acto solemne que dará protagonismo aos estudantes egresados e que finalizará con música coral.

OURENSE, 22 de novembro de 2022. O vindeiro luns, día 28 de novembro, UNED Ourense celebrará o seu solemne acto académico de inauguración do curso 2022-23. A celebración terá lugar no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, ás 19.00 horas. Presidirá a sesión  o vicerreitor adxunto de Centros Asociados, doutor Íñigo Tehera Martín. O broche final poñerao a Capela Madrigalista cun pequeno concerto.

Na mesa estarán, á parte do vicerreitor, o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luís Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea Bouzo; o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro; o director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz e a secretaria de UNED Ourense, María Concepción Álvarez Gómez, todos eles membros do Consorcio Universitario do Centro Asociado á UNED en Ourense.

Álvarez Gómez dará conta da memoria do curso anterior e despois, a profesora titora de UNED Ourense, doutora Elena de Prada Creo, pronunciará a lección inaugural titulada Actores e espectadores nun mundo globalizado: a interculturalidade a escena. Dous egresadas do Grao en Psicoloxía, Laura Sanmiguel Quintas e Lara Reboredo Ferradás, tomarán a palabra en representación dos graduados na UNED. Seguirán as intervencións dos integrantes da mesa que culminarán coa intervención do vicerreitor de Centros Asociados. Tras as súas palabras, o Colexio de Economistas de Ourense entregará o premio ao mellor expediente do curso 2020-2021 no Grao en Turismo. Intervirá a secretaria colexial, Isabel Iglesias Arce e a continuación a decana do Colexio, Carmen Sampayo David, fará entrega do galardón ao egresado, Jesús Santiago Teira.

UNED Ourense imporá as bandas e dará un diploma a todos os estudantes que acaban de rematar as súas carreiras universitarias. Ao seu termo, o vicerreitor inaugurará o curso académico e subirán á tribuna os cantores da Capela Madrigalista para interpretar algúns temas, pechando o acto co canto do Gaudeamus Igitur

A este acto, o máis importante institucional que celebra UNED Ourense, están convidados todos os ourensáns que queiran asistir.

Este acto tiña prevista a súa celebración o pasado 26 de outubro, pero tivo que suspenderse debido ao accidente, ese mesmo día, nun centro educativo de Ourense que se cobrou a vida dun adolescente.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es