OURENSE, 15 de xullo de 2022. O profesor titor de UNED Ourense José María Faílde, quen tamén é profesor titular da Uvigo, estréase como presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Con el ocupan as vicepresidencias primeira e segunda o xeriatra José Ramón Martínez e o médico Raimundo Mateos respectivamente. A secretaria é a psicopedagoga María Dapía, profesora en Uvigo e o tesoureiro é José Manuel Pazos, médico e presidente de Agarte. As vogalías son sete, e así a da Sección Clínica ocúpaa Gloria Rodríguez; a da Sección Social é para Rosa Mínguez; na de Psicoxerontología está Cesar Bugallo; Eva Caro faise cargo da vogalía de Enfermería quedando a de Xerocultura para Natalia Verez, a de Centros Xerontolóxicos para Rafael Vázquez mentres que a vogalía de Formación e Investigación recae en Elena Mosquera. Trátase dun equipo pluridisciplinar con gran experiencia e coñecemento en xerontoloxía, tanto no aspecto clínico biolóxico como psicolóxico e social.
Galicia é unha das comunidades máis envellecidas de España e todo apunta a que camiña cara a un maior nivel de envellecemento, reto ao que os responsables da Asociación deben sumar a grave situación xerada pola pandemia do a COVID-19, que se cebou de maneira especial cos nosos maiores. "A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría debe ser protagonista nestes momentos, asesorando aos diferentes profesionais, fomentando a formación, a docencia e a investigación, tanto no ámbito da Xerontoloxía como da xeriatría e colaborando coa administración e os outros axentes sociais para garantir un mellor proceso de envellecemento e calidade de vida das persoas maiores", sostén Failde, que é doutor en Psicoloxía e dirixe o doutoramento internacional en Ciencias Sociais e Envellecemento.
Moi sinteticamente, o obxectivo fundamental, sinala Failde, será "garantir a continuidade da SGXX, e convertela nunha sociedade científica de referencia. Para elo, é preciso revitalizar e dinamizar a participación dos e das asociados e darlle un maior pulo cara ao ámbito científico (creando grupos e comisións de traballo, promovendo a elaboración de documentos técnicos e de consenso científico, incrementando e incentivando a investigación e a formación en temas de interese social, profesional ou científico). Todo iso tendo sempre en mente como prioridade: a defensa dos dereitos e benestar das persoas maiores: as necesidades do sector profesional da xeriatría e a xerontoloxía; e as novas demandas e retos que expón a sociedade actual, tales como o idadismo, a soidade no desexada, o envellecemento poboacional e a promoción do envellecemento saudable e activo, entre outros".
En UNED Ourense José María Failde imparte as seguintes materias: Psicoloxía Social do Grao en Psicoloxía; Avaliación Psicolóxica, Psicoloxía da Memoria; Psicoloxía da Atención, Psicoloxía da Percepción e Psicoloxía Social nos graos en Socioloxía e Antropoloxía.
UNED Ourense
Comunicación