Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Sede rigorosos e creativos

21 de marzo de 2022

O director de UNED Ourense presentou a  UNED e como se estuda nela aos estudantes de Bachalerato do IES Lauro Olmo de O Barco.

OURENSE, 21 de marzo de 2022. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, reuniuse na mañá deste luns cos estudantes de Bacharelato do IES Lauro Olmo do Barco. En dúas quendas faloulles da UNED e de como se estuda nela. “Durante o período escolar, o estudante estivo mentalmente inclinado sobre o seu escritorio; na Universidade debe poñerse de pé e mirar á súa ao redor”. Con esta frase do matemático e filósofo inglés, Alfred North Whitehead, o relator comunicoulles que se preparen para abrir a mente e os ollos ao mundo enteiro. Estudar na Universidade ha de ser, nestes tempos máis que nunca, un revulsivo contra a anti ilustración. Como sinala Mariña Garcés, a Universidade ten que reportarnos ese prestixio que hoxe se degradou nesta sociedade da postverdade, que se empeña en salientar emocións, opinións dun lado e doutro e refuga o coñecemento rigoroso, o dato científico. Por iso o director de UNED Ourense insistiu aos novos aspirantes a cursar estudos superiores que “tedes que ser rigorosos e creativos. Afrontar o voso traballo pensando que ides ser os mellores, poñendo o voso empeño na tarefa e a base de esforzo adquirir unha formación sólida e desenvolver o pensamento crítico para non ser cataventos que move o vento”.

Faloulles de como se estrutura unha Universidade tan grande como a UNED, a universidade pública máis grande de España co maior campus de Europa. Os estudantes barquenses xa saben que a UNED é unha universidade semipresencial, que non é en liña, e que poden cursar nela 28 graos que desde o curso que vén serán 30 ao incluírse Enxeñería da Enerxía e Educación Infantil. Tamén coñeceron que para estudar na UNED non se necesita nota de corte. Respecto diso unha estudante mostrou a súa preocupación porque quere facer Matemáticas pero pídenlle unha nota alta. “Se aprobas a Selectividade e pola razón que sexa non obtés esa nota elevada que che piden, poderás facer igual a carreira na UNED”. García Díaz, que foi presentado pola directora do Centro, Amparo Quiroga Gayoso, na primeira sesión, e polo vicedirector Eladio Santos Martínez, na segunda, díxolles tamén que o nivel de esixencia na UNED é elevado, precisamente iso achegaralles unha boa formación. E precisoulles que “un alto grao de esixencia non implica que estudar connosco sexa imposible. Non o é”. 

A charla cos mozos, nos dous grupos existentes neste centro, e a horas distintas, foi moi positiva, porque os rapaces puxeron moita atención no que se lles contaba, pois están moi interesados en coñecer como vai ser a vida de estudante universitario que á maioría espéralles. “Podo dicirvos tamén que á hora de elixir a un traballador, hai empresas que optan polo que se formou na UNED, debido a que sabe o que iso lle supuxo en esforzo, traballo e autoorganización. E non poucos graduados pódenvos dicir que saen tan ben preparados que mesmo non lles custa moito poñerse a preparar unhas oposicións, porque teñen o ritmo de estudo do grao que acaban de rematarr”, sinalou García

Nestes tempos está a producirse unha afluencia á UNED de estudantes coa Selectividade recentemente terminada. O director de UNED Ourense púxolles tamén exemplos de casos reais de persoas que deixaron os seus estudos na FP ou no Bacharelato e hoxe son grandes profesionais naquilo para o que se formaron na UNED. Hai avogados, hai psicólogos, etc., que estudaron xa cunha idade e hoxe vailles moi ben na súa vida profesional. 

Jesús Manuel García díxolles que se optan pola UNED, estarán nunha gran universidade española e que, nese caso, fagan uso frecuente de cantos recursos pon a universidade a cada alumno. “Entre eses recursos teredes as titorías, que se dan en cada centro da UNED de forma presencial. E deberedes acudir a elas porque o profesor titor aclararavos dúbidas e orientaravos en cada materia”, indicoulles o relator. E xurdiron risas cando lles dixo que na carreira universitaria van ter que ler moito: “Poñédevos as pilas lendo non só o que vos manden en clase, e non pedindo ao compañeiro apuntes sobre un libro para non ter que lelo. Ou vídeos resumindo libros. Ollo con isto! Ides ter que ler, consultar moita bibliografía en cada materia e se así o facedes, brillaredes nos exames cando ao coñecer que din varios autores sobre un mesmo tema, fagades referencia a eles. Entón, quen corrixa eses exames verá que o alumno domina con soltura a materia”.

Houbo preguntas varias nos dous grupos. Xa saben tamén como funciona a valixa virtual da UNED, que é o sistema informático que controla os exames, único en España, de moita complexidade e que facilita o servizo en cada convocatoria de probas presenciais dun modo áxil e espectacular, de maneira que se poidan facer miles de exames de centos de materias en todos os centros da UNED á mesma hora tanto en España como nos centros situados en América, Europa e África. 

“O estudo vai ser o voso traballo. Organizádevos cun tempo fixo ao día para estudar ata que adquirades a rutina, manexade libros, achegádevos de boa gana a bibliotecas onde as haxa, xa sexa a da UNED ou outra”. O relator azuzounos, para que non se deixen levar polo desánimo que ás veces nos envolve a todos, que saiban que o estudo que realicen compensaralles porque queren facelo. E será bo para eles. Pediulles que non se permitan perder o tempo, que se van equivocar unha e as veces que faga falta, pero que non sexa por perder o tempo. “Sodes moi novos, tedes moito camiño por diante, aproveitádeo!”. Insistiulles en que é doado adquirir coñecemento, investigar, en definitiva aprender cousas novas. E que comecen a usar unha linguaxe académica distinta da que utilizan no seu día a día. “Practicade desde aquí, desde o Bacharelato, logo seguirédelo facendo na Universidade e veredes como todo é posible traballando cada día”. Mesmo lles falou do programa de Doutoramento da UNED, a través da Escola Internacional de Doutoramento que imparte o terceiro ciclo dos estudos universitarios oficiais, requisito para a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación e a docencia. E como a UNED dispón de máis de 20 programas.

Nestas dúas sesións celebradas no Lauro Olmo do Barco produciuse un bo ambiente comunicativo entre o relator e os estudantes, que poderán buscar a carreira do seu interese no Libro Branco da ANECA ou na páxina da nosa Universidade www.uned.es . O director de UNED Ourense agradeceu ao equipo directivo do IES barquense a súa disposición para celebrar este acto.  

UNED Ourense

Comunicación 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es