Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A Vicerreitora Primeira da UNED inaugurará o curso universitario en Ourense o día 27

22 de octubre de 2021

O acto solemne celebrarase no salón do Centro Marcos Valcárcel, ás 18.30 horas e nel, por primeira vez, farase entrega do premio do Colexio de Economistas ao mellor expediente do año pasado. A ceremonia académica finalizará coa actuación da Capela Madrigalista.

OURENSE, 22 de outubro de 2021.- O vindeiro mércores, día 27 de outubro, terá lugar en Ourense o acto da solemne inauguración do Curso da UNED nesta provincia. Vaise celebrar no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel desde as 18.30 horas. A ceremonia académica estará presidida pola Vicerreitora Primeira e Vicerreitora de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica, doutora Rosa María Martín Aranda. Xunto a ela estarán o Vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, en nome do Presidente do Consorcio de UNED Ourense, Rosendo Luis Fernández Fernández; o Tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea Bouzo, en representación do alcalde e vicepresidente do Consorcio de UNED Ourense; o Delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro e o director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz.

Este acto comezará coa lectura da Memoria Académica do Curso 2018-2019, pola profesora tutora e secretaria de UNED Ourense, María Concepción Álvarez Gómez. Seguirá a lección inaugural que leva por título: “Educar e humanizar: a prevención do acoso escolar desde unha pedagoxía crítica e queer”, impartida pola  doutora María Victoria Carrera Fernández, Profesora Titora de UNED Ourense.

En representación de todos os estudantes graduados falará Andrea Álvarez Gómez. Os membros do Consorcio dirán unhas verbas que pechará a vicerreitora co seu discurso oficial en representación do Reitor da UNED.  Non faltará a entrega de diplomas a unha representación do alumnado que rematou os seus estudos neste último curso. De seguido daráselle a palabra a secretaria do Colexio de Economistas de Ourense, Isabel Iglesias Arce, para facer a entrega do premio ao mellor expediente do ano pasado no Grao de Economía, galardón que recae en Francisco Rodríguez López, de Ourense, e do que lle fará entrega a decana de Economistas de OUrense, Carmen Sampayo David. Este premio deriva do convenio asinado entre o Colexio de Economistas e a UNED, de colaboración científica e divulgativa.

A continuación a doutora Martín Aranda inaugurará oficialmente o Curso 2021-2022 e o acto rematará coa actuación da Capela Madrigalista, que ao final do repertorio entonará o Gaudeamus Igitur que todos os asistentes escoitarán postos de pé.

A Dirección de UNED Ourense amosa a ilusión por retomar este acto clásico cada outono na cidade e que non se pudo celebrar o ano anterior debido á pandemia.

Concerto coral

Nesta ocasión, o coro de cámara Capela Madrigalista de Ourense, baixo o lema Soledade, amor e resiliencia, presentaranos unha mostra musical especialmente deseñada para a ocasión, incluíndo música de autores actuais de diversas estéticas e procedencias, baseada principalmente en textos poéticos ou tradicionais onde valores e emocións, aparte dos nosos eternos dilemas morais e espirituais, parecen poder reconducir a nosa propia reacción cara a unha resposta activa e optimista fronte a un horizonte realmente incerto.

O coro interpretará, baixo a dirección de Julio Domínguez, quen tamén se encarga dos arranxos e do piano, as seguintes pezas musicais:

1. Bolboreta, de Mia Makaroff

2. O espiritual Swing Low 

3. Amor meu, de Julio Domínguez con texto de Pablo Neruda 

4. Hold on, outro espiritual tradicional

5. Somos un, Sisi ni Moja, de Jacob Narverud

6. Gaudeamus Igitur, anónimo do século XVIII con arranxos de Julio Domínguez.

“Nun momento de dúbida e incerteza, onde negatividad e pesimismo poderían querer instaurarse nunha parte da sociedade; onde a ciencia e o coñecemento vólvense fundamentais á hora de dar resposta ás dificultades; onde a arte e a cultura loitan por ofrecer un espazo ao optimismo; a educación en valores, a cooperación e intelixencia emocional, nun mundo globalizado, cobran especial relevancia”, di Julio Domínguez. “Así como, durante o último ano, na educación foi preciso abrir horizontes ou actualizar métodos e ferramentas, no seo da actividade musical (especialmente de agrupacións vocais), foi de imperiosa necesidade desenvolver adaptacións e novos obxectivos para manter vivas as opcións. E non foi, nin está a ser, unha tarefa sinxela”, sinalou o director do coro de cámara.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es