Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O urbanismo galego e os debuxos de Antonio Palacios centran hoxe dous relatorios nas Xornadas da UNED

8 de octubre de 2021

O catedrático Jesús Sánchez falará, ás 17.30 horas, dos proxectos urbanísticos palacianos desde Vigo a Santiago e Álvaro Bonet ofrecerá un paseo polos cadernos de debuxo do arquitecto porriñés, desde as 19.00 horas. No salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

OURENSE, 8 de outubro de 2021.-As xornadas sobre o legado de Antonio Palacios que organiza UNED Ourense chegan hoxe á súa última xornada, que contará con dúas sesións. Ás 17.30 horas intervirá Jesús Ángel Sánchez García, catedrático da USC e comisario da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, que a Xunta está a piques de inaugurar no Museo do Mar de Vigo. Sánchez disertará sobre Antonio Palacios e os proxectos de reformas urbanas: do plan de Vigo á Rúa Galicia de Santiago de Compostela. A seguinte conferencia comezará ás 19.00 horas e vaina a dar o arquitecto Álvaro Bonet López. O seu título é: Antonio Palacios debuxante.

Jesús Ángel Sánchez García (A Coruña, 1967) é Doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1995, e desde 2021, catedrático de Historia da arte no mesmo departamento. Desde a súa tese doutoral sobre A arquitectura teatral en Galicia orientou as súas investigacións cara á historia da arquitectura e o urbanismo de Galicia entre os séculos XVIII ao XX. Entre as súas publicacións máis importantes pódense destacar as dedicadas aos faros – Faros de Galicia (2004) -, os cinemas – Cinemas de Galicia (2012) -, ou á actividade de arquitectos e mestres de obras – Faustino Domínguez e a arquitectura galega do século XIX (1997), O aparellador e a súa profesión en Galicia (2001), ou a edición do volume colectivo Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia (2020).

Formando parte do grupo de investigación “Historia da Arquitectura e Urbanismo” traballou en diferentes proxectos de investigación financiados en convocatorias nacionais, como os orientados a fontes e documentos, planos, debuxos e repertorios de imaxes sobre historia da arquitectura en Galicia. Recentemente foi coordinador e editor xunto con Julio Vázquez Castro e Alfredo Vigo Trasancos dunha publicación sobre as arquitecturas desaparecidas en Galicia, froito do último proxecto financiado: Arquitecturas desvanecidas. Memoria gráfica do patrimonio desaparecido en Galicia (2019).

Realizou estancias de investigación en diferentes institucións estranxeiras  Institut Français d’ Architecture, Institut National d’Histoire de l’Art), e tamén participou como relator e conferenciante en mestrados e cursos de verán. Esta traxectoria fíxolle merecedor no ano 2000 do Premio Galicia de Investigación en Humanidades, na modalidade de investigadores novos, outorgado pola Xunta de Galicia.

Álvaro Bonet López estudou Arquitectura na ETSAM da Universidade Politécnica de Madrid, con estancia dun ano na Tecnische Universität de Viena grazas a unha bolsa Erasmus. Profesionalmente comezou dedicándose a reformas en Madrid, e deseño de mobiliario. Activista cidadán, membro fundador e vicepresidente de Madrid Cidadanía e Patrimonio, é autor de diversos artigos sobre Patrimonio Histórico madrileño; tamén colaborou como experto comentando unha sección de arquitectura no programa de radio A vivir Madrid, e participou en diversos programas de radio (SER, Onda Madrid, Cope, Onda Cero, M21) e televisión (TMex, a Sexta e RTVE). Tamén foi convidado a impartir clases nas escolas de Arquitectura e Enxeñería de Camiños da Universidade Politécnica de Madrid e na Facultade de Xeografía e Historia e o Mestrado de Xestión Cultural da Universidade Complutense de Madrid.

 Como investigador formouse bolseiro en proxectos como o Inventario de Patrimonio Industrial da Comunidad de Madrid e a investigación inédita sobre a Real Canle de Manzanares para o Concello e a Comunidade de Madrid. Actualmente centra as súas investigacións na figura de Antonio Palacios, colaborando no catálogo da exposición prevista no Museo do Mar de Vigo, e acaba de publicar o libro sobre debuxos do arquitecto, baixo o título Trazar la mirada. Cuaderno de viajes de Antonio Palacios. Na súa faceta artística, foi membro do Novo Coro da Comunidad de Madrid (JORCAM), participando en interpretacións con reputados directores como José Ramón Encinar, Víctor Pablo Pérez, Andreas Schuller, Andrea Marcon ou Neville Marriner, e no concerto de Madrid 2014 dos Rolling Stones.

ESTAS XORNADAS PODEN SEGUIRSE DE DÚAS MANEIRAS:

-Presencialmente acudindo ao salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel

-Oss que elixiron seguilas en directo via streaming adxuntamos un PDF coas instruccións a seguir. Quenes sexan alumnos da UNED aplican ás súas propias claves de acceso. Os que son alleos á UNED seguen as instruccións descritas e as súas claves de acceso serán estas:

 

Usuario:       alumno1

Contrasinal: 20121generico 

Logo os estudantes UNED e os NON UNED acceden (tal como está descrito no pdf) á ligazón:

http://www.intecca.uned.es/portalavip/directos.php?ID_Grabacion=490980&ID_Sala=320036  e verán na súa  pantalla o evento Xornadas Antonio Palacios (a conectarse ás 19 h).

Para recibir o diploma da Universidade é preciso matricularse aquí. 

 

 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es