Mapa web
Youtube
UNED

A UNED Senior de Ourense ten aberta a matrícula en sete das oito materias para o novo curso

19 de junio de 2019

O prazo termina o 20 de xullo a pesares de que Arte contemporánea e posmodernidade xa cubriu o seu cupo de alumnos

OURENSE, 19 de xuño de 2019.- As persoas que queren estudar na UNE  Senior de Ourense poden formalizar xa a súa matrícula e escoller catro materias dun total de oito. De momento xa se cubriron todas as prazas en Arte Contemporánea, que impartirán Marta López López e Ángel Domínguez López.

O prazo para matricularse abriuse o pasado luns e manterase ata o 20 de xullo. As materias que aínda reciben alumnado son: Introdución ao cinema, con Simone  Gerolamo  Saibene, que se impartirá os luns do primeiro cuadrimestre, xunto con Patrimonio natural e cultural de España, que dará Josefina Pato Lorenzo.  Os xoves do primeiro cuadrimestre impartirase a xa mencionada de Arte Contemporánea e a  postmodernidade, e tamén Educación no desenvolvemento sustentable, cuxo docente será Santiago Eduardo Pato Rodríguez.

Para o segundo cuadrimestre os alumnos  Senior terán, os luns, Galicia a través dos medios audiovisuais, con Josefina Pato Lorenzo, e Psicoloxía e Arte: a expresión das emocións a través da pintura, con Roberto Estévez Rodríguez. Os xoves do segundo cuadrimestre as materias que haberá serán Filosofía Contemporánea, con Miguel Guerra Rodríguez e Inglés básico para comunicarnos e divertirnos, a cargo de Santiago Eduardo Pato Rodríguez.

As clases desenvolveranse no Centro Cultural Marcos Valcárcel cos seguintes horarios: os luns e xoves, de 16.30 a 18.30 horas a primeira clase, e de 18.30 a 20.30 horas a segunda. O primeiro cuadrimestre comezará o 7 de outubro de 2019 e terminará o 3 de febreiro de 2020. As clases interromperanse entre o 23 de decembro de 2019 ata o 6 de xaneiro de 2020. Haberá un festivo, o 11 de novembro, San Martiño.

O segundo cuadrimestre comezará o 10 de febreiro ata o 4 de xuño de 2020. As clases interromperanse desde o 3 ata o 12 de abril por Semana Santa. E o festivo do 19 de marzo, San José.

Os matriculados domiciliados na provincia de Ourense abonarán 25 euros por materia como importe de matrícula. E os que estean domiciliados fóra da provincia ourensá pagarán 50 euros. A Deputación Provincial de Ourense sufraga o 50% da matrícula das persoas residentes na provincia. Para formalizar o trámite cada interesado debe efectuar o pago por transferencia bancaria ou mediante ingreso na conta: ES73 280 5252 9030 40256790. En ambos os casos deberá indicar o concepto “Matrícula UNED  Senior” xunto ao seu nome e apelidos. O xustificante da transferencia ou ingreso e o formulario de inscrición poderán ser remitidos por correo electrónico a info@ourense.uned.es , indicando no asunto “Matrícula UNED  Senior”, ou ben entregar a documentación nas oficinas do Centro Asociado á UNED en Ourense, directamente ou por correo postal na seguinte dirección:  C/ Torres  do Piñeiro, s/n, 32001-Ourense.

A atención ao público no devandito Centro é este mes de 08.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 21.00 horas. En xullo só atenderase de mañás desde as 08.00 a 14.30 horas, e sempre de luns a venres. Durante o mes de agosto en Centro Asociado permanecerá pechado.

A UNED Senior está pensada para as persoas maiores de 55 anos, con independencia da formación académica que posúan, interesadas en enriquecer os seus coñecementos. Diríxese, por tanto, a persoas que seguen sendo mozas e que teñen aínda moito que vivir e moito que dicir. Moito que gozar. Diríxese ao Maior competente e imaxinativo que quere facer máis enriquecedor o seu tempo libre.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es